DATOS

 O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o ano 2013 uns datos que amosan a concienciación da cidadanía amiense co medio. Entre os meses de xaneiro e decembro de 2013 un total de 4.694 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado.
 
O Punto Limpo mellora ano a ano os seus datos, xa que as cifras de entradas do 2013 superan ás rexistradas no 2012, no que se contabilizaron 4.520 usuarios. En 2011 rexistráronse 4.600, en 2010, un total de 4.424 e en 2009, empregaron estas instalacións 3.863 veciños e veciñas.

No último mes do ano, o Punto Limpo rexistrou 384 entradas. Neste tempo, os veciños e veciñas amienses entregaron 3.051 quilos de equipos electrónicos, 150 quilogramos de envases baleiros contaminados e 90 quilos de neumáticos que se atopaban fóra de uso. En decembro, tamén se entregaron 22 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 64 quilos de baterías de chumbo e 8 quilogramos de pilas. Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 60 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 20 de metais e 30 de madeira, así como 89 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 207 litros de aceites vexetais e outros 28 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 5 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 30 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.